27/11/18

As máis belas


Bibliotecas.
As máis belas, segundo Thomas Guignard, fotógrafo e bibliotecario de Toronto (Canadá), que creou un álbum na súa conta de Instagram titulado Libraries. Das máis barrocas ás máis funcionais, non están todas, pero as que recolle aquí non deixan indiferente a ninguén.


27/06/18

Xavier P. Docampo, in memoriam

O 26 de Xuño faleceu na Coruña Xavier P. Docampo, natural de Rábade, mestre e un dos máis sensibles, coñecidos e comprometidos escritores de literatura infantil e xuvenil na nosa lingua.
Entre as súas obras narrativas debemos destacar Cando petan na porta pola noite (polo que obtivo o seu autor o Premio Nacional de Literatura 1995), Con un ollo aberto e outro sen cerrar, A chave das noces ou O misterio das badaladas.
No 2014 a Asociación de Escritores en Lingua Galega distinguiuno coa Letra E de Escritor na súa Terra.
Para coñeceres máis polo miúdo o seu xeito de ver o mundo, podes entrar aquí e ler unha das súas últimas entrevistas.

09/06/18

O SON DO OURO

Pablo Espiño, de 4ºESO-A, logrou o 1º premio do Concurso de Relatos convocado no IES de Rábade para celebrar o Día das Letras Galegas de 2018 coa narración titulada O son do ouro, que temos a oportunidade de ler a continuación.

Óliver. Ese é o meu nome. Acabo de axudarlle á policía a coller a un asasino que elixía o día do seu próximo crime segundo os días do comezo e final das batallas máis importantes da Guerra Civil española. Conseguín poñerme en contacto coa policía grazas a que meu pai é o comisario xefe do distrito A de León. Algunhas veces, a miña familia fala dos casos que aínda hai abertos na comisaría porque meu pai é comisario, como xa nomeei anteriormente, e miña nai é a encargada da fiscalía de Castela e León. Polo tanto,os seus traballos están relacionados continuamente. Esta situación provoca que ás veces haxa tensión entre eles polo estrés. O mellor disto son as vacacións do verán. O ano pasado fomos ás Rías Baixas en Pontevedra; a area miúda, a auga fresca; teño grandes recordos desas vacacións. Este ano a familia decidiu facer a ruta de sendeirismo das Médulas. -Óliver, fixácheste nese castiñeiro?-pregúntame meu pai que aparte de ser comisario sente una paixón enorme pola natureza,e en concreto polas árbores. -Si papá, é moi bonito coas súas follas verdes como todas as plantas que hai por aquí.-Non aturo a súa paixón, igual que el tampouco atura a miña debilidade pola historia. Estou especialmente ilusionado con esta viaxe porque estas montañas foron minas romanas e ademais grazas aos meus coñecementos históricos sei como facían para explotar a súa riqueza. Utilizaban os regatos da montaña para canalizar e embalsar a auga na parte superior da explotación. A montaña furábase coidadosamente cunha sofisticada rede de galerías,que ao descargar a auga embalsada, ía desfacendo a montaña e conducindo a pedra desfeita aos lavadeiros para que os esclavos dos romanos separasen o ouro da pedra restante da destrución da montaña. Para min e para outros historiadores contemporáneos parécenos un sistema hidráulico incrible, xa que nesa época non posuían a tecnoloxía que hoxe hai,-polo tanto mostraban uns coñecementos privilexiados para o período no que se encontraban. Así que teño unha gran curiosidade por entrar nas galerías e poder observar detidamente o seu interior apreciando cada detalle e cada rocha. -Marcos,non presiones ao rapaz, que non está tan  metido no tema coma ti. Ademais, está desexando chegar ás galerías para podelas disfrutar.- Nunca me pareceu mal que miña nai me defendese pero tampouco me gustou moito a súa sobreprotección. -Por fin chegamos- anuncia meu pai casi asfixiado pola enorme camiñata. -Si,isto é verdadeiramente fermoso.-Non minto ao dicir que estaba moi fascinado con esas vistas desde o mirador. Toda a ruta que xa completaramos,acompañados das grandes montañas de pedra dunha estraña cor vermella. -Agora entraremos nas galerías.-Morro das ganas que teño de poder entrar nelas. O encargado proporciónanos a información e o equipamento necesarios para entrar nas covas de terrra feitas polos romanos hai uns centos de anos.Asemella ser un home de idade. O seu cabelo perdeu xa a súa cor, que, probablemente,fora escura, xa que nas cellas aínda quedan cabelos de cor marrón escuro. Entramos nas galerías cunha familia de catro:Un home e unha muller, cunha rapaza e un rapaz. Ambos parecen ser da miña idade polo tanto vémonos obrigados a ir na metade do grupo por seguridade. Á cabeza do grupo van os homes  e o guía, mentres que ao final da caravana van as nosas nais. O guía chámase Pepe das Pedras. Segundo nos contou,o seu alcume puxérallo un antigo traballador co que adoitaba percorrer as galerías e que despediran hai dúas semanas;dixo tamén que as causas do seu despido foran moi estranas.O xefe, ao parecer, decidira despedilo debido a que provocaba pavor no cliente ao contarlle que nas galerías executaban tamén aos esclavos que non tiñan as capacidades idóneas para realizar todo o proceso.Aseguraba que ás veces oía os espíritos dos esclavos a través das paredes das galerías e afirmaba que lle pedían axuda. -Home… certo certo non hai nada.Eses son contos e lendas para nenos,de verdade cre vostede que se sinten os berros de persoas que morreron hai centos de anos? Neste momento notouse que o home respondeu algo incómodo e irritado a pregunta, cousa a cal notou meu pai.Intentou seguir coas preguntas sobre o tema pero o home respondía con monosílabos sin importancia e de cando en vez con algunha mueca que continuaba reflectindo máis e máis que ese home sabía máis do que contaba. Seguimos camiñando polas galerías nas que se divisaban as siluetas do que nun pasado fora un regato pequeniño. -E ti logo como te chamas? -Pregúntame a rapaza cando eu estaba totalmente distraído no meu mundo interior. -Eeeee! Tes lingua para falar ou comeucha un rato? -Dime esto nun ton de voz maior e tocándome un brazo. -Mmm sí, eu son Óliver -respondo nervioso ao fixarme nos seus enormes ollos verdes que conectan directamente a mirada ata os meus. Tamén me fixo no seu casco vermello que non permite ver toda a súa melena dun negro fulgurante. Continuamos a conversación durante uns minutos e coñecémonos un pouco máis. Contoume  que a súa familia era de Ourense pero que vivían dende hai uns anos en Verín, que era unha cidade preciosa; que non dubidase en visitar algún día e que ela podería facerme de guía se decidía visitala percorrendo as rúas e os monumentos máis significativos. Despois dun tempo camiñando no que apenas pasou nada,excepto algún que outro comentario sobre os minerais presentes nas rochas, cruzámonos con traballadores e algún que outro turista desorientado. Estabamos na subgalería C-14 cando pola megafonía  un son xordo sonou ao que continuou un pitido molesto de alarma manifestando un claro sinal de evacuación por un escorregamento de terra nun túnel cercano ao noso. De todas formas meu pai non se encontraba de todo seguro de se realmente era un desprendemento de terra o son emitido polos altofalantes. Pepe das Pedras indicou ao grupo o camiño á saída pero meu pai negouse a ir co grupo e decidiu axudar a evacuar as galerías. Miña nai é agora a guía do grupo. Pasamos ao lado das multitudes correndo como polos sen cabeza ata que me dei conta de que tiña que axudar dalgunha maneira.Sonou o altofalante indicando á xente a onde se debería dirixir, soou unha forte detonación que provocou un desprendemento que dividiu o grupo, estaban todos do lado da saída menos eu. Decidín volver por onde andaramos antes e encontreime cun home, alto e delgado con canas por riba das orellas e vestido coma un cidadán normal. -Rapaz, rapaz, achégate, que te levo á outra saída, non te preocupes que marcharemos de aquí- Di o home misterioso. Eu sígoo mentras se oe unha nova detonación.Tras uns segundo correndo, que parecen horas, levado polo medo e a adrenalina encontrámonos con meu pai e Pepe.Os dous están falando dos últimos grupos evacuados cando o home misterioso saca un coitelo e apuñala polas costas a Pepe que laia de dor. Eu quedo pasmado ante tal situación e meu pai sorprendido evita que Pepe caia ao chan. Cun movemento de gran velocidade digno dun boxeador, Pepe cerra o puño e aplica un gancho directo á mandíbula do home que cae ao chan doído. Saca un revólver pequeniño de tres balas e dispáralle ao home nun ombreiro. Xusto cando a bala penetra no corpo do home, Pepe pónse a berrarlle que foi un avaro, que a empresa era súa xa e que fora el quen a botara a perder por querer facerse co control total do negocio. O home coa parte superior do peito chea de sangue érguese con dificultade e colle un pequeño dispositivo cun botón vermello disposto a facer voar polos aires a montaña de terra vermella. -Señores o xogo rematou -Di un home que apareceu da nada. Semella ser novo, co cabelo negro e corto, vestido de traxe e coa barba afeitada, cunha camisa rosa e unha gravata azul escura con puntiños tamén rosas. -Como poden ser vostedes tan inxenuos de pensar que ían poder quitarme a miña empresa? Crían que non me ía dar conta das súas intencións? Pois si. Dúas semanas antes, un de vostedes veu falar comigo á oficina, dicíndome que o seu compañeiro roubara cartos da caixa principal da miña oficina. Revisei os cartos e estaban todos. Días despois deuse a casualidade de que desaparecera un contrato, e adiviñade quen o tiña. Si,acertaron. Son vostedes quen o teñen -di o home, rindo e emocionado polas súas propias palabras coma se dunha película se tratase. -De aquí só imos saír tres persoas, sairemos eu e mais o home este -sinalando a meu pai- e ese cativo-sinalándome a min- e,agora, a actuación final- anuncia sorrindo o home. Saca unha pistola da parte de detrás das costas e dispara á man que suxeitaba o detonador enaquizándolle os ósos da articulación ao outro home, colle o aparello e diríxese a Pepe, pero meu pai nun acto de pura velocidade colle o revólver e dispara ao detonador que se encontraba en poder do xefe, desfacéndoo en anaquiños. Dime que corra e, cando estou preto del, o home de traxe dispáralle a Pepe no peito e meu pai, coa última bala do revólver, dispara a unha carga que asomaba no teito; un escorregamento de pedras vértese enriba do elegante home e queda soterrado baixo o peso de rochas vermellas coma o sangue. Meu pai bota ao lombo o corpo de Pepe e corremos ata a saída da galería. Saímos ante a multitude asombrada pero non de nós, senón ao ver a montaña derribarse tras de nós. Pepe esperta sorrindo e doído tocándose o peito xusto no lugar onde a bala lle deu, saca unha pequena moeda brillante do peto, feita dun material dourado,nese momento entendín que se desmaiara pola coitelada, non polo disparo. Ao sacar a moeda un anaco de metal cae ao chan asemellándose a unha bala de pistola e Pepe cun sorriso na cara di: -Cando disparou sentín un clic e desmaieme. Sen dúbida será un son que nunca olvidarei. Recordareino e contaréillelo aos meus netos; a historia do son do ouro.

30/05/18

Palabra galega

Tratábase de escoller en cada grupo a palabra máis fermosa da nosa lingua, a predilecta, a máis querida, e ilustrala cunha breve curta.
Eis o resultado final.

29/05/18

NON SEXAS PARTÍCIPE DAS CAUSAS PERDIDAS

A seguir, o relato de María Trashorras Cendán, de 1º de Bacharelato, premiado no Concurso das Letras Galegas convocado polos Departamentos de Normalización e Dinamización Lingüística e Lingua Galega e Literatura do noso Instituto.


Ola, son eu, si eu, esa persoa que vos vai contar unha historia un ano máis, distinta á anterior.
Pouca xente sabe, ou polo menos ata que ese día chega, que o vinte e oito de febreiro é o día das enfermidades raras, pois ben, algo irónico pero a nosa protagonista naceu ese día, ese día hai máis ou menos dezaseis anos.
Chámase Ana, Ana López, ata o momento un nome común, non obstante, ela non é alguén común, é moito mellor. Padece dende ese vinte e oito de febreiro de dous mil dous unha enfermidade coñecida como “Nevus Conxénito Xigante”, presentóuselle ao nacer e foi medrando con ela, pouco a pouco e mancha a mancha. Na zona da cadeira porta consigo unha gran falla xigante que ocupa boa superficie da pel con máis de cincocentos lunares satélite arredor.
Ata que cumpriu os oito anos era unha nena feliz, riseira e soñadora, imaxinaba que a súa pel era o universo, que nel podía atopar un sistema solar coa súa estrela de tipo G, arredor da cal orbitaban planetas e outras estrelas que non tiñan un tamaño tan xeneroso; identificando a cada unha cos seus lunares.
Todos sabemos que os nenos son inocentes, que eles non distinguen, non saben que aquel neno é chinés ou aquela nena india ata que escoitan a algún adulto dicir cousas como: “Ese é o pai do chino da túa clase”.
Todos querían a Ana e envexaban que ela puidera portar tan marabillosa galaxia a todos lados pero, esa envexa un día transformouse en maldade. Medraron e descubriron que tiña unha enfermidade, que todos os lunares, os grandes e os pequenos, que cubrían a súa cara e o resto do seu corpo era a causa diso.
Todo se convertiu nun pesadume. Sempre nos din que amigos hai poucos, neste caso só unha, Alisa, que axudaba no que podía e máis sen ser suficiente. Chamábana desde xirafa ata leprosa pasando por todos os personaxes que tiñan algún tipo de defecto na pel. Caeu nunha depresión, non creou redes sociais ata ben pasados os catorce e nas súas visitas ao dermatólogo fixo paradas en psiquiatría infantil.
Sei o que estades pensando: como alguén pode facer iso? Como un neno ou non tan neno é quen de tratar así a unha persoa por ser diferente ó que din chamar habitual?
Despois de moito pensar, de moitas terapias e dun apoio intensivo decidiu intentar levar a cabo unha campaña para concienciar sobre as enfermidades raras dende a súa experiencia.
Recibiu críticas? Claro que recibiu críticas e non todas foron boas pero superou o seu medo ao rexeitamento, á xente que cre que a palabra diferente significa algo malo, demostrando que non é así.
Ademais de enxeñeira aeroespacial quería ser modelo, non necesariamente da altura de Naomi Campbell nin Ashley Graham, bastáballe con posar mostrando o seu corpo e a beleza que escondía. As fotos que subiu a intenet (Instagram, Twitter e Facebook) fixéronse virais.
A día de hoxe os artistas comparan o seu corpo con arte.
Ela reivinca e pretende cambiar que se aprenda antes a discriminar que a querer, a evitar no lugar de apoiar, a non mirar o que temos diante con bos ollos só por parecer peculiar e a escapar dos problemas que nós mesmos causamos nos demais.
Grazas a ela, a artistas probablemente mal pagados e a todos aqueles que deciden formar parte das boas causas e negarse á existencia das causas perdidas, enfermidades coma esta están un chisco máis preto de ser aceptadas pola meirande parte da poboación.

Ana aprendeu a estar contenta co seu corpo criticado e cheo de manchas.
Non temos que seguir un canon exposto pola sociedade na que vivimos e tanto persoas con outros tipos de enfermidades raras como psíquicas que se atopan mal con eles mesmos por estar máis gordos ou máis delgados deberían aceptarse. Cada un é como é.

Non rexeitemos, ao mellor nos necesitan e algún día podemos ser os necesitados.
A min gústame o distinto, o raro, así que me vou despedir cunha frase que lin un día e que me fixo pensar un pouco máis sobre este tema.

Esa cita dicía: “Ser un mesmo nun mundo que está constantemente tratando de convertirte nalguén diferente é o maior logro”.

MARÍA TRASHORRAS CENDÁN 1º BAC



28/05/18

Entrega de premios

O Director do IES Río Miño entrega os diplomas aos premiados nos certames das Letras Galegas. Son, de arriba abaixo, Lidia Novo, Pablo Espiño e Anabel Cruz.




25/05/18

Premios das Letras Galegas

Como cada ano neste mes, entregáronse os premios que o Departamento de Normalización e Dinamización Lingüística do Instituto de Rábade concede nas diferentes modalidades de relato e curtametraxe, así como o premio ao calendario  conmemorativo das Letras Galegas 2019.
Deste xeito, os premios entregáronse como segue:

PREMIO DE RELATO: CATEGORÍA DE 4ºESO, 1º e 2º BAC

1º Premio: O son do ouro, de Pablo Espiño Bellón, de 4ºA (30.00 euros en material escolar)

2ºPremio: Non sexas partícipe das causas perdidas, de María Trashorras Cendán,  de 1ºBAC (20.00 euros en material escolar).

 Cómpre sinalar que os premios na categoría de 1º, 2º e 3º ESO quedaron desertos.


PREMIO CURTAMETRAXE LETRAS GALEGAS 2018 "IES RÍO MIÑO"

PREMIO Á MELLOR ACTRIZ: Lidia Novo Fernández (30.00 euros en material escolar)
PREMIO AO MELLOR ACTOR: Pablo Espiño Bellón (30.00 euros en material escolar)
PREMIO Á MELLOR DIRECTORA: Anabel Cruz Ribeiro (30.00 euros en material escolar)


PREMIO CALENDARIO  LETRAS GALEGAS 2018 "IES RÍO MIÑO

Laura Barrio Corral, de 1º BAC (30.00 euros en material escolar)

21/05/18

Desperdicio

Sabías que ao cabo do ano se perde o 20% da carne de vaca, o 35% do peixe e o 45% das froitas e verduras que producimos?
Entra aquí se queres averiguar as causas deste desperdicio intolerable e como palialo.



15/05/18

En Guitiriz

Os alumnos e alumnas de 3º de ESO, acompañadas polas profesoras Isabel Pardo e Marta López visitaron Guitiriz para renderen homenaxe ao poeta Xosé María Díaz Castro. 
A actividade comezou cunha recepción no Instituto de Secundaria, onde o alumnado foi dividido en grupos para así localizaren con pistas dadas os versos do poeta; a actividade tivo continuación na Ponte, onde procederon a identificar obras nacionais e internacionais.
O poema Penélope foi lido e escenificado na estación de tren e, con posterioridade, a visita concluíu na Casa das Palabras cunha nova lectura de poemas de autores variados.






12/05/18

Fuxan os Ventos

Para celebrar o Día das Letras, o grupo Fuxan os Ventos pon música a Lúa de prata, poema de María Victoria Moreno, a autora a quen este ano se rende homenaxe. 
Escoita...



07/05/18

Excursión a Celanova

Coas profesoras Isabel Pardo e Marta López, os alumnos e alumnas de 1º de Bacharelato do noso Instituto realizaron unha visita a Celanova.
Esta actividade estivo organizada polo Departamento de Lingua Galega, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística e a Biblioteca.





27/04/18

Anagnórise


Por xentileza de Editorial Galaxia, e nunha actividade organizada polo Departamento de Lingua, o Equipo de Normalización Lingüística e a Biblioteca do noso Instituto, estivemos o en Lugo o martes, 24 de abril, para asistir no IES Lucus Augusti á representación de Anagnórise, de María Victoria Moreno, a cargo da compañía Limiar Teatro
Os alumnos e as alumnas de 3º de ESO do Instituto de Rábade, acompañados polos profesores do Departamento de Lingua e Literatura Galegas, Marta López e Luís Pereira, presencia as evolucións dos dous actores polo escenario xunto ao alumnado doutros centros, nunha adaptación teatral bastante libre e sorprendente da obra de Moreno.





 

25/04/18

María Victoria 2018

Vídeo adicado con motivo do Día das Letras Galegas a María Victoria Moreno dos alumnos e alumnas de 4º curso de ESO de  Rábade,  dirixidos pola profesora Isabel Pardo.

24/04/18

Enclave RAE

Enclave RAE anúnciase como plataforma en que encontrará contenidos y herramientas de base lingüística especialmente concebidos para usted e fai unha declaración de intencións: a de ser lugar «donde las personas y las palabras se encuentran». 
E un desafío: «¿Hasta dónde cree que puede llegar con el uso del español?».

17/04/18

Gonzalo Moure, connosco


O escritor Gonzalo Moure visitounos o pasado día 13 de abril para compartir connosco as súas experiencias como autor e a súa humanidade, así como o seu compromiso solidario co pobo saharaui, tan presente en Palabras de Caramelo, libro de lectura proposto para os alumnos de 1º de ESO, aos que falou.
Ameno, entrañable, próximo.
Grazas, Gonzalo.





06/03/18

Concurso

Como en anos anteriores, o Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística do noso Centro, convoca o Concurso de Relatos Curtos "Letras Galegas 2018", que se rexerá polas seguintes

                                                                      BASES:


  • Poderá participar todo o alumnado do Centro.
  • Os relatos, de tema libre, presentaranse en lingua galega.
  • Extensión máxima: tres folios.
  • Deberán presentarse escritos a ordenador por unha soa cara e a dobre espazo.
  • Os relatos só se poden facer e entregar de forma individual ao profesor ou profesora correspondente de Lingua Galega.
  • Os relatos que resulten gañadores serán publicados no Blog da Biblioteca.
  • Haberá dous premios para cada categoría, por un lado 1º, 2º e 3º de ESO; por outro, 4º de ESO e os cursos de Bacharelato.
  • Concederanse un 1º PREMIO dun vale de 30'00 euros en material escolar, e un 2º PREMIO  de 15'00 euros en material escolar.
  • Data límite de entrega: 9 de maio de 2018.
  • O xurado estará formado polos membros do ENDL, e o seu fallo será inapelable.

18/01/18

Afouteza é a palabra



Ou polo menos a máis buscada durante o ano pasado no dicionario da Real Academia Galega. Seguíronlle a certa distancia independencia, sapoconcho, teimudo, velutina ou eucaliptización pero a favorita, cun 48% de procuras, foi indiscutiblemente afouteza, que significa, segundo ti mesmo podes comprobar aquí:
Disposición do espírito que leva a actuar ou a acometer calquera empresa sen temor aos perigos ou dificultades, e tamén, na súa outra acepción:
Seguridade que alguén ten en si mesmo, carácter firme.
Se queres ler algo máis sobre este asunto, entra neste enlace.

10/01/18

Concurso de marcapáxinas

Convocado polo Equipo de Dinamización Lingüística e a Biblioteca do IES Río Miño de Rábade

BASES


  • Poderá participar todo o alumnado do Centro.
  • As ilustracións farán referencia, por un lado, á autora homenaxeada este ano polas Letras Galegas, María Victoria Moreno, e, por outro lado, á Biblioteca do Centro.
  • As ilustracións só se poderán elaborar e entregar de forma indivicual ao respectivo profesor de Lingua e Literatura Galegas.
  • A ilustración gañadora será publicada no blog da Biblioteca do Centro.
  • A data límite de entrega será o 30 de xaneiro de 2018.
  • PREMIO: Un vale de 30.00 euros en material escolar.
  • XURADO: Estará formado por membros do EDLG e da Biblioteca. O seu fallo será inapelable.


Compromisos

Sempre que for posible, neste blog informaremos da autoría de textos, fotos e demais material audiovisual, que en todo caso é empregado con finalidade educativa e sen lucro. Se houber algo suxeito a dereitos de autor ou outras restricións, por favor, facédenolo saber para retirármolo o antes posible.
Por outro lado, os autores do blog non son responsables dos comentarios que os lectores poidan enviar. Todos aqueles comentarios obscenos, ofensivos contra persoas, crenzas ou ideas, ou contrarios á Lei serán eliminados en canto teñamos coñecemento deles.
Avísanos para axudarnos a cumprir estes compromisos.